Óscar Vilar «VilarFao»

O PSOE de O Pino denuncia a falta de conservación, mantemento e roza de pistas municipais

O PSOE de O Pino denuncia a falta de conservación, mantemento e roza de pistas municipais

23/07/2019

Acusan ao Goberno de Taboada de desidia, e critican que a estas alturas do ano non se teña avanzado nos traballos de desbroce nin no do amaño das fochancas, “existen núcleos de poboación intransitables e inaccesibles para vehículos, sobre todo, para aquela maquinaria agrícola e forestal dos nosos veciños/as”, segundo afirman

Os Socialistas de O Pino acusan ao equipo de goberno de Manuel Taboada de desidia e non entenden como a estas alturas do ano, en plena época estival, apenas se ten avanzado nas tarefas de mantemento e roza de pistas municipais.

Afirman que, no termo municipal, existen varios accesos a núcleos de poboación nun estado lamentable, debido a cantidade de maleza que acumulan as cunetas, e, tamén, pola cantidade de pólas que invaden o voo das vías. Circunstancias todas elas que están a provocar danos na maquinaria agrícola e forestal de moitos veciños/as de O Pino, como así lle fixeron chegar ao Grupo Municipal Socialista.

Así mesmo, critica a tardanza no amaño das fochancas que teñen as pistas, causada, en parte,  por este desinterese na falta de conservación das mesmas.

Os Socialistas, recoñecen que nesta época do ano a maleza abunda, que existen moitos quilómetros de pistas en todo o concello, e que a finais de xullo é imposible telas todas en perfecto estado. Lamenta, que todos estes traballos non se programen durante o inverno e baixo criterios serios e rigorosos, “non podemos seguir admitindo a razón da festa patronal da parroquia, ou, o que é peor, o lugar de residencia do concelleiro/a do equipo do goberno, o Pino, o formamos os veciños/as das trece parroquias”, indican.

Sen motivos para respectar os 100 días de cortesía

Tampouco están pola labor de dar ningunha tregua ao novo goberno, “aquí, en O Pino, non hai motivo para respectar os 100 días de cortesía que debe ter calquera novo equipo, o goberno é continuísta e a forma de actuar, visto o visto, segue sendo a mesma”, manifesta o voceiro socialista, Óscar Vilar.

Anuncian que todas estas peticións serán levadas por escrito ao Alcalde, e que solicitarán explicacións.