Días atrás, todo o equipo que forma a lista do PSdeG de O Pino anunciaba varias iniciativas buscando ordenar e regular distintas materias relacionadas co Camiño de Santiago. Destacando a ordenanza dos apartamentos e pisos turísticos co fin favorecer a convivencia de visitantes e residentes, e, tamén, a norma que regule a colocación de sinais e publicidade para combater o feísmo.
Este novo equipo, recoñece que o Camiño de Santiago é un elemento fundamental para o turismo galego, pero que necesita máis regulación e un plan de futuro, “o Camiño non só crea riqueza na hostalería e no sector servizos, vai máis aló, potencia tamén o rural axudando á rehabilitación de vivendas abandonadas situadas ao pé do mesmo. Polo tanto temos que seguir apostando por este importante sector económico e tratar de sumarlle máis valor engadido a todas as rutas que cruzan polo noso concello”, apuntan.
Manifestan que o seu programa de goberno aposta por todo iso, e o candidato número 5, Borja Lemos, xa anuncia que, no caso de conseguir a confianza por parte dos veciños/as, levarán a cabo, entre outras, as seguintes iniciativas; instalar un punto de información turística permanente na entrada de Arca, rehabilitar os muíños e castros, recuperar as rutas de sendeirismo, crear a ruta “Camiño do Burgo Albergue de Peregrinos de Arca”, e, elaborar un plan de promoción para o Camiño de Santiago do Norte, ruta da costa, a que pasa por Medín, Gonzar e Castrofeito, “ambas rutas son plenamente compatibles e dinamizan o noso concello” indican.