Falar dun motor económico do Concello de O Pino é falar do Camiño de Santiago. A alta e variada oferta de aloxamento que existe en Arca, sumada a localizada nas das distintas parroquias polas que cruza o Camiño de Santiago así o certifican.
A día de hoxe, no concello de O Pino, ofértanse preto de dúas mil prazas de aloxamento. Aloxamento repartido en hoteis, pensións e albergues, pero o anuncio sen control desta oferta está a causar unha mala imaxe no pobo, e así o denuncia o candidato do PSdeG de O Pino, “non podemos permitir a colocación sen orde e control de carteis publicitarios que buscan o reclamo do peregrino, necesitamos colocar toda esa publicidade en puntos estratéxicos, combatendo o feísmo e dando a mesma oportunidade a todas e todos”, afirma Vilar.
Por todo iso, o equipo de Vilar avoga por elaborar unha ordenanza municipal que poña orde e control, “non tratamos de prohibir os anuncios, o que si faremos e que estes anuncios se atopen concentrados en grandes paneis informativos”, afirman.
Denuncian que actualmente existe un total descontrol, que calquera pode colocar carteis sen que ningunha institución poña trabas e “iso non é bo, xa que non estamos a dar unha boa imaxe como concello situado as portas de Santiago” sosteñen.