O candidato socialista á alcaldía de O Pino, Óscar Vilar, garante que se obtén a confianza dos veciños o 26 de maio fará “novas alegacións en contra da Mina de Touro – O Pino para defender o interese xeral”.
En opinión de Vilar, o informe municipal de O Pino nin defende os intereses da veciñanza nin os bens de titularidade municipal. “O alcalde do PP, Manuel Taboada, limitouse a facer un copia e pega do informe de Touro e non alegou nada, tan só se limitou a falar de consideracións”, afirma.
Dende que se fixo público o proxecto de reapertura da antiga mina, a oposición social e política en contra desta iniciativa non parou de sumar apoios. A pesares disto, “a Xunta de Galicia segue sen mover ficha e todo parece indicar que ata que pasen as eleccións municipais non se dará a coñecer a Declaración de Impacto Ambiental (DIA)”, apunta o candidato socialista.
Vilar non entende esta desidia por parte do goberno de Alberto Núñez Feijóo e do goberno municipal de Manuel Taboada. “Prodúcense a miúdo verteduras de augas acedas e cargadas de metais pesados aos ríos, a empresa promotora realizou obras sen as autorizacións pertinentes e o proxecto cambia día tras día, un día coñecemos que explotarán prata, o día seguinte falan de cobre... e os nosos gobernantes non moven ficha e actúan de xeito neglixente”, engade.
Os socialistas consideran que todos estes feitos deixan claro a parcialidade do Partido Popular, “non defenden o noso, e pouco ou nada lle importa o relacionado co medio ambiente; ademais, non son transparentes cos procedementos e despois os altos cargos pasan a estar investigados, tendo que ir declarar os xulgados".
Por estes motivos, Óscar Vilar xa anuncia que se consegue a confianza dos veciños e veciñas de O Pino o vindeiro 26 de maio, unha das súas primeiras medidas será “elaborar un novo informe de alegacións en contra do proxecto mineiro”.