Óscar Vilar «VilarFao»

O candidato socialista Óscar Vilar fará “unha ordenanza reguladora das vivendas turísticas en O Pino para garantir o benestar veciñal”

O candidato socialista Óscar Vilar fará “unha ordenanza reguladora das vivendas turísticas en O Pino para garantir o benestar veciñal”

05/04/2019

“O alcalde é coñecedor das queixas de veciños e empresarios de hospedaxe, pero non fai nada”, asegura

O candidato socialista á alcaldía de O Pino, Óscar Vilar Chento, comprométese a facer “unha ordenanza reguladora das vivendas turísticas se obteño a confianza dos veciños o 26 de maio, é urxente e necesario regular a actual situación”.

A problemática que se está a vivir en varias cidades do país, relacionada coa crecente implantación de vivendas destinadas a uso turístico, non é allea o núcleo urbano de Arca. “Esta zona de O Pino, en pleno Camiño Francés, tamén experimenta un notable aumento deste tipo de negocios, que na gran maioría dos casos provocan molestias e inseguridade aos veciños”, explica Óscar Vilar.

“A xente elixiu Arca para vivir porque era unha zona residencial, tranquila e próxima a Compostela”, engade o candidato socialista, “polo que temos que ordenar e regular esta situación”. “Os veciños e veciñas ven a diario como entran e saen dos seus portais persoas descoñecidas para a comunidade, teñen que soportar molestias e ruídos, ou asumir gastos por desperfectos”, manifesta.

Vilar afirma que “o alcalde do PP é coñecedor da situación polas constantes queixas que lle chegan por parte das diferentes comunidades de propietarios, e tamén polos propietarios de hoteis, pensións e albergues, debido á competencia desleal que practican este tipo de establecementos”.

“Lamentablemente, non ten a valentía suficiente para poñer un pouco de orde e regulación; como é habitual, bota balóns fora e culpa da falta de regulación á Xunta de Galicia, cando sabe que dende o Concello se pode aprobar unha ordenanza”, asevera Vilar.

Polo tanto, se sae elixido alcalde, o socialista regulará a situación, “antepoñendo sempre o interese dos veciños que residen na zona e evitando que o problema vaia a máis”.